Monday 06 de May de 2024

Recollidos 186 quilogramos de lixo na acción medioambiental desenvolvida na praia da Corna


A acción medioambiental levada a cabo na praia da Corna durante a mañá do día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, traduciuse na retirada de 186 quilogramos de lixo do referido areal de maneira manual con material proporcionado polo Concello da Pobra do Caramiñal.

Esta limpeza de residuos foi posta en marcha para concienciar sobre a importancia de preserva-las contornas naturais e involucra-la veciñanza no coidado delas, polo cal se lles traslada o seu agradecemento ás persoas voluntarias participantes dende as concellarías do Medio Ambiente e do Voluntariado, das cales son titulares a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra) e o edil José Andrés Lojo (Nós Pobra), respectivamente.

A campaña pobrense Agora é o momento! estrutúrase en distintos terreos do voluntariado: social, medioambiental, cultural e de benestar animal. Cómpre lembrar que todas aquelas persoas interesadas en achega-la súa colaboración poden contactar a través do teléfono 981832764 -opción 1-, do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com ou por un escrito presentado no rexistro municipal.